
Venres de Tapas Xaneiro
Catorce establecementos hostaleiros retoman este venres, 4 de xaneiro, a Ruta das Tapas cunha xornada dedicada ás tostas.
Estas serán as protagonistas da nova xornada da Ruta das Tapas que integra a catorce establecementos hostaleiros, e que este venres, 4 de xaneiro, e o seguinte, 11 de xaneiro, celebra unha nova xornada, a primeira deste ano 2019.
O evento foi presentado este mediodía na Cafetería Roraima nun acto ao que asistiron representantes destes bares, restaurantes e mesóns, así como o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, e a representante de Pazo Tizón, Raquel Cabo.
Elaboradas cos máis diversos ingredientes, como varios tipos de queixo, xamón, ovos, turrón, pementos, laranxa, mango, mazá, frutos do bosque, etc., este venres, a partir das 8 da tarde, ofertaranse catorce variedades de pinchos, un por cada local, que se poden ver en calquera teléfono móbil descargando a APP “quedamosdetapas”.
Manuel Dacal confirmou que se adheriu un novo local a esta iniciativa, “Ernesto Patio Bar”, se ben houbo outro que se diu de baixa, co que o número de participantes non varía. Así mesmo, agradeceu aos hostaleiros o esforzo que realizan para mellorar cada vez máis as súas ofertas, e o traballo que realiza o CCA. Finalmente animou á veciñanza a percorrer estes locais e comprobar o bo nivel gastronómico do Carballiño.
Noelia Mares referiuse á opción manifestada polos hostaleiros para manter esta xornada da ruta este venres previo á festividade de Reis, e lembrou os premios e agasallos que se poden obter a través dos boletos que se entregan en cada local participante pola consumición das tapas.
Entre estes agasallos directos figuran: 1.000 euros en premios de 10€, que se poden canxear nas oficinas do CCA por cheques para comprar no Carballiño; packs de botellas de viño Pazo Tizón, copas de Estrella de Galicia, bolígrafos e outros obxectos. Tamén se poderán obter vales para os dous balnearios do Carballiño, que tamén deben canxearse nas oficinas do CCA, e entradas para os partidos de C.D. Arenteiro.