Información del concurso
Ademais da súa arquitectura, os seus espazos naturais, o seu clima ou a súa lingua, un elemento definitorio das particularidades dun pobo é a súa gastronomía. Os alimentos de proximidade son tamén símbolos de identidade que nos permiten coñecer un lugar a través dos seus sabores.
As fecundas terras da nosa vila e as augas do Cantábrico e da nosa ría son a despensa que nos fornece de produtos de tempada durante todo o ano. Patacas de Vilaselán, pementos de Piñeira, carne de Arante, percebes de Rinlo… Todas e cada unha das doce parroquias nos agasallan con froitas, verduras, mel, carnes e peixes ou cogomelos para elaborar pratos con apego á terra e pratos con olor a mar, pratos que nos fan sentirnos un pouco máis ribadenses, que nos fan sentila raíz que nos une ao lugar.
Así como as labouras comunais agrícolas de sementeira e colleita serviron durante moito tempo de lazo de unión para a comunidade, a degustación destes alimentos segue sendo a perfecta excusa para a xuntanza de veciños e amigos. Cambian os tempos, cambian os costumes, pasamos da lareira ás barras dos nosos bares e restaurantes, cheas de propostas culinarias regadas cos mellores caldos.
Ribadeo ofrece 365 días de sabores diversos, 365 días que tentamos concentrar no noso “Ribadeo de Tapeo”, onde poderemos disfrutar, entre outras propostas, da “Tapa Ribadeo”, onde cada establecemento de restauración concentra nun par de bocados o mellor dos nosos produtos locais.
Produtos “Kilómetro 0”, produtos con pegada ecolóxica, manxares que van da horta, dos pastos, e da ría á mesa. Do produtor ó consumidor na maioría dos casos, lembrándonos os tempos nos que as labregas baixaban cos seus cestos ao mercado da vila e as pescantinas subían cos seus peixes ás parroquias.
Nos mercados dos mércores e dos domingos, na nosa Praza de Abastos e en parte do pequeno comercio de Ribadeo podemos atopar estes produtos frescos e tamén elaborados en forma de zumes ou marmeladas, chocolates, repostería ou empanadas. Os consumidores colaboramos coa compra e consumo destes manxares, co mantemento do imprescindible sector primario, coa vida de produtores, mariscadores e pescadores e coa conservación dos saberes antigos e do medio ambiente.
Petisco a petisco, non deixes de desfrutarnos, saborea Ribadeo.
Pablo Vizoso Galdo
Concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo
Bases del concurso
BASES CONCURSO RIBADEO DE TAPEO. XVI EDICIÓN
1-ORGANIZACIÓN, PARTICIPANTES E CALENDARIO
A organización do XVI Concurso de Tapas “Ribadeo de Tapeo” está promovido polo departamento da Área Turismo do Concello de Ribadeo.
1.1 Podarán participar todos os establecementos hostaleiros e de restauración de Ribadeo que se inscriban a tal fin e acepten estas bases, en calquera das súas tipoloxías: bar, mesón, restaurante e cafetería.
1.2 O evento ten como fin apoiar o desenvolvemento da cultura de tapas e fomentar a calidade da gastronomía da vila. O concurso dará comezo o día 13 de maio prolongándose ata o día 21 de maio de 2023.
2-TAPA
2.1 Cada establecemento poderá presentar 1 tapa como máximo, a un prezo de 2,50 euros, podendo ser frías ou quentes. Non serán aceptadas aquelas que en realidade sexan racións ou medias racións e as que non ofrezan unha calidade mínima. Tampouco serán válidas para o concurso as tapas que habitualmente se sirvan de balde nos locais, aínda que se lles realizaran pequenas modificacións.
2.2 As tapas presentadas ao concurso deberan ser ofertadas ao público durante os días de celebración do mesmo agás os días de peche oficiais de cada estabelecemento (aqueles que non teñen día de descanso, poderán establecer un día de descanso). O horario de servizo das tapas deberá ser como mínimo de 2 horas en horario de mañá - mediodía e 3 horas de tarde, agás aqueles estabelecementos que xustificadamente acrediten que o seu horario habitual e ou ben de tarde ou ben de mañá. (ESTA ANO SERASE ESTRICTAMENTE RIGOROSO CON ESTE APARTADO)
2.3 Todos os estabelecementos participantes están obrigados a presentarlle a organización fotografías da súa tapa con anterioridade ao 22 de abril de 2023. A organización porá un fotógrafo/a gratuíto a disposición dos estabelecementos. Para tal fin o fotógrafo/a e hostaleiro/a deberán concertar necesariamente a data entre os días 17 ao 21 de abril , respectando na medida do posible as quendas por zonas que establecerá o fotógrafo/a e/ou a organización.
3. FASE PREVIA
O Ribadeo de Tapeo ten entre os seus obxectivos incentivar a cultura gastronómica e fomentar a calidade da oferta. Con este fin, nas semanas previas un/unha cociñeiro/a especializado na materia, degustará as tapas presentadas ao concurso (concretarase o día e hora con cada participante unha vez formalizada a súa inscrición). Esta fase non será obrigatoria e terá simplemente un carácter de intercambio de impresións da elaboración e presentación da tapas.
4. PRAZO DE INSCRICIÓN
O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN NO CONCURSO REMATARÁ O DÍA 14 DE ABRIL DO 2023, ÁS 14:00 HORAS .
A candidatura presentarase no Rexistro do Concello coa seguinte documentación:
Boletín de inscrición debidamente cumprimentado, que deberá levar o selo do estabelecemento inescusablemente.
Ficha técnica da receita/s, descrición do estabelecemento e COORDENADAS GPS.
Indicar se desexan ser ESTABLECEMENTO COLABORADOR : Serán establecementos colaboradores aqueles que doen un premio que poderá consistir nunha cea/comida ou aqueloutro que o establecemento decida. Estes premios sortearanse entre o público que realice as diferentes rutas do tapeo. Os estabelecementos colaboradores contarán cun espazo especial na publicidade que se faga do evento.
A organización reservase o dereito de excluír aqueles estabelecementos que non acheguen a documentación que se require.
Ata o comezo do concurso a organización comprométese a gardar en estrito segredo profesional o nome e descrición das tapas ou petiscos.
5. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
1. As tapas presentadas deberán figurar na oferta habitual do establecemento como mínimo durante os días de celebración do concurso, exceptuando os días oficiais de peche do establecemento, que deberán ser detallados na ficha que se xunta e DURANTE O MÍNIMO DE HORAS QUE SE RECOLLE NO PUNTO 2.1. IMPORTANTE
2. Selar a toda a clientela que o precise, co seu correspondente selo.
3. Exhibir nun lugar visible do exterior do establecemento o distintivo que identificará aos participantes no concurso “Ribadeo de Tapeo”.
4. Colocar, nun lugar visible e accesible, a urna deseñada ao efecto, na que o público depositará os votos que lle outorga a cada tapa.
5. Dentro do establecemento, indicar e diferenciar de maneira visible na súa oferta a tapa que participe no Concurso.
6. Dar un informe final do número de tapas vendidas e colaborar coa enquisa de valoración do evento, co fin de realizar propostas de mellora para as posibeis futuras edicións do mesmo.
E motivo de expulsión do concurso o incumprimento dalgunha das normas aquí estabelecidas.
6- PREMIOS DO XURADO PROFESIONAL
6.1 NA CATEGORÍA DE “PREMIOS DO XURADO OFICIAL”
Os premios son:
Primeiro Premio do Xurado: premio á mellor tapa, que consistirá en Diploma e placa.
Segundo Premio do Xurado: premio á segunda mellor tapa que consistirá en Diploma e placa.
Terceiro premio do Xurado: premio á terceira mellor tapa que consistirá en Diploma e placa.
Premio “Tapa de Ribadeo”: será á mellor tapa realizada con produtos da zona. Premio dotado con diploma e placa.
Os premios do Xurado son excluíntes entre si e non poderán concorrer na mesma tapa. A organización resérvase o dereito de conceder mencións especiais a aqueles petiscos que o consideren. O fallo do xurado será inapelable.
6.2 SELECCIÓN E XURADO.
A estes premios concorrerán todos os estabelecementos inscritos no Concurso.
A organización resérvase a posibilidade de realizar dúas quendas de selección realizadas por dous xurados diferentes. Unha primeira onde se escollerán os establecementos finalistas e outra quenda onde se escolleran os premiados. O primeiro xurado poderá estar composto por un grupo ou varios grupos de persoas expertas gastronómicas, que visitarán todos os locais participantes, este xurador valorará todas as tapas concursantes segundo os criterios do apartado 5.3.
As tapas finalistas pasarán a segunda quenda, e un xurado composto por persoas expertas na materia que visitará os establecementos das tapas finalistas sen previo aviso e escollerá as tapas ganadoras.
AS CONSUMICIÓNS DO XURADO CORRERÁN A CARGO DOS ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTE.
6.3 CRITERIOS DE VALORACIÓN.Os criterios de valoración do xurado oficial serán os seguintes:
1. Elaboración da tapa, puntuarase de 0 a 10
2. Olor, textura e sabor, puntuarase de 0 a 10
3. Presentación, puntuarase de 0 a 5
4. Calidade do servizo, puntuarase de 0 a 5
5. Orixinalidade e creatividade, puntuarase de 0 a 5
7- PREMIOS DO PÚBLICO
7.1. A estes premios, ao igual que nas edicións anteriores, concorrerán todos os estabelecementos inscritos no Concurso.
Premio “Tapa do Público”: será a tapa máis votada polos clientes. Premio dotado con Diploma e placa.
Premio á “Mellor barra”: será a máis votada polos clientes e valorarase a ambientación do local, a profesionalidade no servizo (atención, rapidez, información sobre o concurso), as instalacións (conservación, orde, limpeza e adecuación) así como a experiencia global cos clientes. Premio dotado con Diploma e placa.
7.2. Este premio será seleccionado polos clientes. As votacións poderán realizarse nas urnas situadas nos establecementos participantes. O premio do público, será o que obteña a mellor puntuación. A mesma metodoloxía será a empregada para o PREMIO Á MELLOR BARRA.
Co obxecto de respectar ao máximo a decisión popular, os premios do público non son excluíntes: poden concorrer no mesmo establecemento.
8- PREMIOS
OS ESTABLECEMENTOS GAÑADORES DO CONCURSO, tanto na categoría de premios do xurado profesional coma do público, recibirán publicidade gratuíta ata a próxima edición 2024, onde se indicará que as súas tapas foron premiadas, na XVI Edición do Ribadeo de Tapeo.
Para tal fin, elaborarase unha publicación que servira como ferramenta promocional nas oficinas de turismo (do centro da vila e Punto de Información de As Catedrais), feiras turísticas e demais eventos promocionais, ademais da pantalla informativa situada no Parque San Francisco da Vila e na paxina web de Turismo.
9- TAPAS ESPECIAIS
Nesta convocatoria os establecementos participantes poderán darlle difusión a posible oferta de tapas vexetarianas e tapas aptas para celíacos.
Co obxecto de garantir e asesorar aos participantes na presentación e elaboración de tapas sen glute, a organización colaborará coa Asociación de Celíacos de Galicia que será quen revisará e asesorará aos establecementos interesados no manexo, recomendacións e na correcta elaboración da tapa sen glute.
10- DIFUSIÓN
A celebración do concurso darase a coñecer nos medios de comunicación con campañas publicitarias, carteis e folletos, ademais da promoción online a través da web http://turismo.ribadeo.gal/tapeo e nas distintas plataformas de redes sociais de Facebook e Instagram e a APP contratada ao efecto.
Crearase un Hashtag #Ribadeodetapeo23 para a “difusión”, a través das redes sociais, do concurso, tapas e establecementos participantes.
11- VANTAXES PARA OS ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES
Os establecementos participantes na XVI Edición do Ribadeo de Tapeo obterán os seguintes beneficios:
- A realización dunha reportaxe fotográfica das tapas presentadas ao concurso, destinado ao material promocional que se elaborará para a divulgación do mesmo.
- Promoción dos seus establecementos a traves da difusion do propio concurso
A ORGANIZACIÓN RESERVA PARA SI O DEREITO A TOMAR DECISIÓNS NON REFLECTIDAS NAS PRESENTES BASES DE CARA A MELLORAR A ORGANIZACIÓN E XESTIÓN DO MESMO.
IMPORTANTE *As comunicacións cos estabelecementos serán preferentemente por correo electrónico.
+ INFORMACIÓN
CONCELLO DE RIBADEO. ÁREA DE TURISMO
982 128 689
turismo@ribadeo.org
FACEBOOK RIBADEO DE TAPEO
http://www.facebook.com/Ribadeodetapeo
INSTAGRAM DE TURISMO
https://www.instagr