
Padrón acolle en outubro as sétimas xornadas #SaboreaPadrón, con 11 locais participantes
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Turismo, Lorena Couso, presentaron hoxe a sétima edición das xornadas gastronómicas #SaboreaPadrón, que se desenvolverán os días 6, 7, 8, 12, 13, 14 e 15 de outubro e que contarán coa participación de 11 establecementos hostaleiros ofrecendo petiscos a 2 euros.
Nesta ocasión a temática na que se centrará a preparación dos petiscos é o Camiño de Santiago, “como recoñecemento á relevancia que ten o Camiño para Padrón como berce do fenómeno Xacobeo”, segundo explicou a concelleira de Turismo.
Concretamente, os 11 locais participantes e os petiscos que ofrecerán son os seguintes: Café Bar As Camelias(Delicias do Camiño), Cafetería Alfolí (A tosta do Camiño), Cafetería Bámbola (O mirador do Camiño), Café Cultural Airiños (A cuncheira), Café Século XX (Traslatio), Central Perk (Pasiño a pasiño), O Alpendre (A Quintana), O Secreto (A Cunca do Peregrino), O Secreto do Viño (Pan e viño axudan a facer o Camiño), Retro Visor (Rolling Stone) e Ruta Xacobea (HIC FUIT).
Votacións e premios
Para a votación do mellor petisco, os establecementos participantes proporcionaranlle aos clientes unha tarxeta-pasaporte que tamén lles permitirá entrar no sorteo de diversos
premios. Así, cando dita tarxeta-pasaporte estea selada por alomenos 3 dos 11 locais participantes, optarán ao sorteo dun vale de 100 euros para consumir no establecemento que resulte gañador nesta edición e en 3 vales de 50 euros cada un para consumir nalgún dos establecementos participantes.
Pola súa parte, cando a tarxeta-pasaporte estea selada por alomenos 6 dos 11 establecementos, os clientes entrarán no sorteo dunha das seguintes opcións a escoller: aloxamento dunha noite con almorzo para dúas persoas no hotel O Semáforo de Fisterra, con queimada e agasallo especial, ou unha experiencia turística a escoller entre diversas propostas existentes no sitio web www.planb.es.
Actividades complementarias
Co gallo da celebración das sétimas xornadas #SaboreaPadrón, e ao abeiro do convenio de colaboración asinado con Galiciaes+ tamén se programarán diversas actividades complementarias: o sábado 7 e o domingo 8 de outubro está programado o “Retiro na Pedronía: Primeiro Encontro da Galicia Consciente”, que consistirá nun “retiro activo a través da experimentación no destino co cometido de cada lugar para a alma”; o domingo 8 de outubro ás 17.30 horas realizarase unha visita guiada ao convento franciscano de Herbón, que incluirá a degustación dun petisco no local gañador do sexto #SaboreaPadrón (o custe desta actividade é de 4 €).
Por outra banda, o xoves 12 de outubro a partires das 9.00 horas está previsto un roteiro a pé da Pedronía, realizando o Camiño de Santiago desde Compostela ata Padrón, que inclúe traslado a Santiago, guía, un petisco no local gañador do ano pasado e a visita ao Pazo do Faramello (o custe desta actividade é de 53 €); e o sábado 14 de outubro, ás 17.00 horas celebrarase unha ruta etnobotánica en Herbón, totalmente gratuíta, para descubrir as diferentes especies de plantas sanadoras, coa súas propiedades curativas e beneficios para a saúde.
Para participar nas actividades de pago organizadas por Galiciaes+, las personas interesadas poden inscribirse e consultar os descontos dos Bonos Galiciaes+ a través do correo electrónico reservas@galiciaesmas.com e do teléfono 676 81 46 74.